Linguaxes

  • Galego
  • Português
  • Español

World Clock

  • Portugal
  • España

Resultado de la busqueda

Pop-up Navidad

Axenda 21

264 Naciones Unidas Division de Desarrollo Sostenible - Programa 21 A Axenda 21 é un ambicioso programa aprobado na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Ambiente e Desenvolvemento celebrada en Río de Janeiro en 1992. Este “Programa 21” ten por obxectivo sentar as bases dun modelo de Desenvolvemento Sustentábel. O documento ten cerca de 540 páxinas e establece un programa de acción para o século XXI a ser adoptado polos diversos países, tornándose a base de moitos programas de acción nacionais.
Os diferentes capítulos desta Axenda abordan as múltiples facetas da sustentabilidade como as desigualdades e a pobreza, a protección da saúde, a calidade do medio (auga, atmosfera, etc), a biotecnoloxía, os recursos mariños, a produción e xestión de residuos ou a educación ambiental, até completar un conxunto de 39 capítulos.

 

Axenda 21 é...
“Cada autoridade local deberá iniciar un diálogo cos seus cidadáns, organizacións locais e empresas privadas e aprobar un Programa 21 Local. Mediante a celebración de consultas e a promoción dun consenso, as autoridades locais van recibir achegas da cidadanía e as organizacións cívicas, empresariais e industriais locais e obterán a información precisa para formular as mellores estratexias”.
Cap. 28 do Programa 21, Cimeira da Terra, Río de Janeiro, 1992

Pensar Globalmente

259 A Axenda 21 nace na Conferencia do Río en 1992, como programa deseñado para atinxir un modelo de desenvolvemento sustentábel, establecendo as bases para o deseño de estratexias de desenvolvemento económico ambientalmente respectuoso.
Recollendo o testemuña de Río, dous anos despois celébrase a Conferencia Europea sobre Cidades e Pobos Sustentábeis, na cidade dinamarquesa de Aalborg, onde se firma a Carta que leva por nome a esta cidade. A denominada Carta de Aalborg é unha declaración de compromiso das autoridades locais para o desenvolvemento de programas e estratexias a prol do desenvolvemento sustentábel, fundamentalmente no eido local. Entre estes programas e estratexias o máis salientábel é a Axenda 21 Local.
O ámbito local, en canto unidade política máis pequena e próxima o cidadán, é concibido desde esta perspectiva como o ámbito de actuación privilexiado en relación coas problemáticas urbanísticas, económicas, sociais e ambientais o nivel local e de maior respecto o principio de subsidiariedade, pedra angular da idea de intervención local. Para tal, tórnase importante que os poderes locais inicien un proceso de diálogo con todas as entidades, desde escolas e universidades, empresas, e organizacións cívicas en xeral, co máximo de transparencia e diálogo construtivo.

Cidade Sostible?
É o pobo ou cidade que é capaz de satisfacer as súas necesidades no presente, sen comprometer a capacidade para satisfacer as súas necesidades no futuro, atendendo a integridade e a estabilidade social e económica e a calidade de vida da súa poboación.
Cidade sustentábel é...
“Nós, cidades, comprendemos que o concepto de Desenvolvemento Sustentábel nos axuda a adoptar un modo de vida baseado no capital da Natureza. Esforzamonos para alcanzar a xustiza social, economías sustentábeis e sustentabilidade ambiental. […] Recoñecemos que non podemos permitir a transferencia dos nosos problemas, nin as outras comunidades, nin as xeracións futuras.
Logo, debemos resolver as nosas dificultades e desequilibrios por nos mesmas, máis que coa axuda dunha entidade nacional ou rexional”
[Carta de Aalborg, 1994]
260
Descrición e Obxectivos
O proxecto consiste na implantación de Axendas 21 Locais e o cálculo de indicadores de auditoría urbana, de acordo coa metodoloxía do “Urban Audit” de EUROSTAT, en 16 das principais cidades da área de intervención do subprograma Galicia – Norte de Portugal do Programa Interreg III A España Portugal.
Para achegar este obxectivo central do proxecto proponse acadar os seguintes obxectivos instrumentais:
- A realización de auditorías urbanas que permitan o establecemento de comparacións entre as cidades e con outras cidades europeas, así como o incremento da cantidade e calidade da información estatística relativa a calidade de vida e o desenvolvemento sustentábel nas cidades.
- A apertura de procesos participativos de análise, diagnose e actuación que conduzan a formulación de Plans de Acción que contribúan a acadar o nivel local os obxectivos de sustentabilidade aprobados na Carta de Aalborg.
- O aliñamento das estratexias de desenvolvemento sustentábeis dos municipios pertencentes o Eixo Atlántico coas respectivas estratexias nacionais e rexionais de Desenvolvemento Sustentábel.
- O establecemento dun modelo de referencia para a elaboración de futuras Axendas 21 ou auditorías urbanas.

Fases do proxecto
1. Recollida de información para elaborar a diagnose ambiental, social e económica e completar o cadro de indicadores do “Urban Audit”
2. Elaboración da Diagnose de Sustentabilidade e calcular os indicadores do Urban Audit
3. Deseño e dinamización dun proceso de participación cidadá que vertebre todo o proceso
4. Elaboración do Plano de Acción pola sustentabilidade
5. Implantación do Plano de Acción
6. Seguimento e avaliación

Innovação e valor acrescentado
Este proxecto introduce determinadas innovacións sobre os modelos máis ortodoxos de implantación da Axenda 21 Local . En primeiro termo o propio carácter conxunto na abordaxe do proceso de Axenda 21 Local co cálculo dos indicadores de “Urban Audit”.Supón unha innovación o uso dos indicadores de “Urban Audit” como compoñente importante para a diagnose de sustentabilidade o para o a utilización dos indicadores da Auditoría Urbana na elaboración da diagnose de sustentabilidade da Axenda 21 e no deseño dos indicadores do Plano de Acción.
Pola outra banda, a Auditoría Urbana no prevé a adopción de Planos de Acción unha vez recollidos e procesados os datos e informacións sobre os seus indicadores, polo que se desaproveita unha parte importante do seu potencial deixándoo nun exercicio estatístico sen traducción práctica. Isto, unido a complexidade das súas metodoloxías e a dificultade na obtención de datos e inform. de calidade fixo que algunhas das Aud. se tivesen considerado un fracaso polas propias autoridades das ciudades implicadas.
O tratar ambos procesos de maneira conxunta o proxecto permitirá xerar indubidábeis sinerxías, principalmente:
- a utilización dos indicadores da Auditoría Urbana na elaboración da diagnose de sustentabilidade da Axenda 21 e no deseño dos indicadores do Plano de Acción.
- que o Plano de Acción teña en conta aspectos transversais de desenvolvemento económico, social e ambiental.
- que os resultados da Auditoría Urbana, e especialmente as diferencias observadas entre as cidades analizadas enriquezan as previsións dos Planos de Acción.

Metodoloxías

261 Axendas 21 dos municipios do Eixo Atlántico: unha visión de futuro máis sostíbel.

Francisco Cárdenas
Os municipios do Eixo Atlántico desenvolveron un proceso conxunto de elaboración das súas Axendas 21. Este proxecto é moi novedoso, non só pola súa dimensión territorial e o número de municipios que deciden traballar xuntos (unha poboación residente de máis de 2.100.000 habitantes e un territorio de máis de 4.400 km2), senón tamén pola formulación conceptual e metodolóxica que se seguiu.

O proceso iníciase cunha reflexión profunda sobre o propio concepto de “desenvolvemento sostible”, para definir un modelo analítico de aproximación aos nosos sistemas urbanos e rurais.

A Axenda 21 local é un documento de compromiso e proxectos de futuro no que autoridades locais e cidadáns poñen as bases para un desenvolvemento sostible no municipio. No noso caso non se pretende dar resposta a todos os problemas. Trátase, e non é pouco, de definir un modelo tendencial para o que queremos dirixir as nosas accións, definir os eixes estratéxicos que lle dan sentido, e enchelos de contido naqueles aspectos que se consideran prioritarios. Algunha das iniciativas expostas nas conclusións requiren períodos de tempo longos para a súa implementación, outras son máis a curto prazo, e noutros casos recóllense iniciativas que xa estaban en marcha e desta maneira vense reforzadas.

Nunha primeira fase realizouse un diagnóstico –intencional- da realidade de cada municipio, como base á elaboración do Plan de Acción. Os diagnósticos permiten aflorar algunhas disfuncións dos municipios, pero tamén as súas potencialidades para superalas. A elaboración dos diagnósticos supuxo a compilación de gran cantidade de información, de moitos ámbitos diferentes, e a reunión nun sistema único de información con base territorial. Este proceso, de por si complexo, permite dispoñer dunha visión integral do municipio, máis alá de visións parciais e polo tanto de aproximacións tamén parciais á resolución dos conflictos que o ecosistema urbano e rural presenta.

As axendas 21 fóronse configurando como un proceso de definición dos elementos conceptuais, metodolóxicos e instrumentais que serven de soporte para a planificación estratéxica das cidades (baixo este concepto poderíanse englobar os plans de acción). Non se trata de plans estratéxicos, no sentido máis estendido deste concepto, aínda que teñen moitos elementos en común, e introdúcense no que se coñece como a planificación estratéxica concorrente, é dicir, inténtase dotar de coherencia á multitude de procesos que dunha ou outra maneira intégranse no planeamento e a planificación buscando a máxima coherencia: plans urbanísticos, plans de mobilidade, plans sectoriais, estratexias de competitividade, programas de cohesión e un longo etcétera.

O noso punto de partida é a cidade como un ecosistema no que se interrelacionan multitude de variables. Como calquera ecosistema, está constituído por múltiples compoñentes, vivos e non vivos, nun territorio concreto, que interrelacionan entre si e co seu entorno (Margalef, 1981). A aproximación á cidade entrementres que ecosistema urbano pode ser complementaria con visións máis verticais ligadas aos aspectos parciais que se dan cita na urbe e que serven tamén para artellar as actuais estructuras administrativas de xestión. Sen embargo, só a partir dunha visión ampla –un modelo de cidade- toman sentido determinadas intervencións.

A aproximación, desde este prisma, á resolución das disfuncións dos sistemas urbanos ou rurais require non só de instrumentos técnicos, senón tamén de organización e recursos para a súa implementación. Estamos diante dun proceso, e por tanto non se trata tanto de telo todo solucionado como de empezar a establecer os elementos necesarios para orientar os nosos desenvolvementos para modelos máis sostibles. Trátase de saber para onde imos, de evitar impoñernos constriccións que limitan ou imposibilitan futuras actuacións. Por exemplo, se nunha rúa constrúese o acceso a un aparcamento subterráneo, é máis difícil que esta rúa se pacifique ao tráfico nun futuro. Quizais non é o momento de tomar esta decisión, a pacificación, pero quizais si que se pode construír este acceso desde outra rúa que será vía principal de circulación motorizada. Isto implica ter, polo menos nun primeiro nivel de aproximación, definido o modelo de mobilidade e espazo público.

Tamén é necesario, como se insistira máis adiante, a superación de estructuras administrativas e conceptuais excesivamente lineais. En definitiva, trátase non só de expoñer solucións técnicas, senón tamén os instrumentos organizativos, legais, económicos ou de educación e participación que as complementan.


262 Na actualidade son centos as cidades en España e Portugal que elaboraron, ou están en proceso, a súa Axenda 21 e varios miles a nivel planetario. A pesar de este gran esforzo, os indicadores de seguimento non parecen indicar un troco de tendencia desexable. En efecto, as conclusións do Informe de Sostenibilidade que publica o Observatorio da Sostenibilidade en España (OUSE, 2006) indican dunha maneira clara que a degradación ambiental vai a máis. As emisións de gases de efecto invernadoiro aumentaron un 45% en 14 anos (este é o primeiro ano que parece ser que se observa unha redución). O consumo de enerxía primaria duplicouse nos últimos 20 anos. A intensidade enerxética, é dicir, a cantidade de enerxía que se necesita para producir unha determinada unidade de Producto Interno Bruto, da economía española medrou unha media do 0,5 % anualmente entre 1990 e 2003, mentres que no conxunto da UE reduciuse un 1,5%. O nivel de dependencia enerxética é do 78%, e continúa medrando. Sectores como o transporte, o turismo e a construción continúan incrementando a súa presión sobre o territorio e o uso de recursos naturais. Aínda que a maioría son tendencias pouco sostibles, o propio informe recolle algúns avances positivos: a expansión da agricultura ecolóxica, o aumento de áreas protexidas, o crecemento de enerxías renovables.
É certo que as variacións nestes indicadores non son iguais se son analizados con máis detalle territorial. Por exemplo, en Galicia o incremento de gases efecto invernadoiro no período 1990-2004 foi do 37,36%, máis do dobre do permitido no protocolo de Kioto, aínda que inferior á media española (Santamaría, 2005).
Se pensamos que nunca como ata agora dedicáranse tantos recursos económicos, organizativos, normativos e técnicos á protección do medio ambiente, nin tantos municipios, empresas e outras organizacións habían desenvolvido procesos de Axenda 21, parece que só coa intensificación de esforzos non é suficiente para investir a tendencia dun desenvolvemento cada vez máis insostible.

Aparece cada vez máis clara a idea de límite. O entorno que serve de soporte aos nosos sistemas urbanos non pode ser considerado como un productor ilimitado de recursos, nin como un sumidoiro inacabable de materiais residuais: residuos sólidos, contaminantes atmosféricos, augas contaminadas,…..

É necesario recuperar, no proceso de planificación, a idea de ciclos naturais. Repensar os nosos modelos de organización e as estratexias de competitividade para facelas compatibles cos principios anteriores, sen que iso implique forzosamente reducir a “calidade de vida” das nosas sociedades.

Este é o reto das Axendas 21: reconducir os nosos modelos de desenvolvemento para facer compatibles “calidade de vida” e “sostenibilidade”. Por exemplo, a escala urbana, é posible organizar a cidade de xeito que se reduza a dependencia do vehículo privado (está na base de boa parte das disfuncións) sen perder funcionalidade e ao tempo que podamos movernos cómoda e rapidamente? A escala social, é posible continuar cun desenvolvemento maior sen que ao tempo as diferencias entre os máis ricos e os máis pobres sexa tamén cada vez maior?

Poderiámonos facer moitas preguntas como estas. As respostas non son fáciles e supoñen a necesidade dun novo modelo de referencia, e en consecuencia de novos instrumentos e aproximacións á realidade.